Thursday 02 de May de 2024

A Administración local mellorará a galería e o equipamento interior do Concello con cargo a unha axuda autonómica de 17.000 euros


 

 

30 cadros de distintos estilos e técnicas compoñen a mostra que desde esta semana se pode visitar na galería da Casa do Concello. Trátase dunha colección pictórica que chega a San Sadurniño da man da asociación Saúde mental Ferrol, Eume e Ortegal, nacida en 1995 para prestar atención especializada a persoas con este tipo de doenzas e ofrecerlle apoio ás súas familias. A exposición permanecerá no primeiro andar do pazo até o próximo 15 de xuño. Está aberta de luns a venres entre as 8.30 e as 14.30h. nun espazo que o Concello prevé mellorar con cargo a unha axuda da Dirección Xeral de Administración local. Son 17.000 euros que, ademais, tamén servirán para construír unha oficina para Secretaría e substituír as portas interiores do pazo.

Os cadros son resultado da expresión artística das persoas que acoden aos obradoiros da asociación, pero tamén unha importante ferramenta terapéutica relacionada coa estimulación cognitiva, coa rehabilitación psicosocial, a integración no entorno e o benestar.

Bodegóns, paisaxes, mariñas e retratos compoñen un mosaico de tamaños diversos e cores vivas a través do que se canalizan inquedanzas e visións de moitos recunchos da comarca, ámbito de actuación dunha asociación que ten a súa sede en Narón e que naceu en 1995 como AFAES “Porta Nova” para promover o benestar das persoas con problemas de saúde mental.

A entidade conta na actualidade con dous centros de rehabilitación psicosocial en Narón e Cerdido, un centro ocupacional en Narón e tres pisos protexidos. Equipamentos e profesionais que abranguen 20 municipios e arredor de 140 persoas atendidas, co obxectivo de avanzar na súa recuperación psicosocial e laboral e ofrecerlles apoio ás familias.

A exposición que se pode visitar estes días na Casa do Concello é, ademais, unha chamada de atención sobre a saúde mental que, segundo a entidade, “segue sendo unha gran descoñecida” para a sociedade. “Coñecer e entender o que son os problemas de saúde mental é o primeiro paso para avanzar cara a unha sociedade máis xenerosa coa diferenza, libre de tópicos e alonxada do estigma e dos prexuízos”, indica a web da asociación.

Melloras na galería
A galería municipal converteuse desde o cambio da sede do Concello en 2014 nun espazo que xa leva acollido unha chea de exposicións, maiormente fotográficas e pictóricas. Habitualmente botan entre 15 días e un mes, polo que o habitual é que a galería se renove varias veces ao longo do ano. Un movemento que, por máis que se tente evitar, deixa pegada nas paredes. A rehabilitación do pazo como Concello non contaba con que se producise ese desgaste, que xa obrigou a repasar a pintura en alomenos unha ocasión. E agora xa lle vai tocando de novo.

Porén, o Concello ten previsto darlle unha solución definitiva ao problema dos desconchóns accidentais forrando as paredes cun material máis resistente e doado de limpar. Para iso destinarase unha parte da axuda de 17.000 euros concedida recentemente pola Dirección Xeral de Administración local para investimentos en instalacións municipais. A subvención utilizarase tamén para outras melloras na Casa Consistorial, entre elas o cambio das portas interiores, o acondicionamento dunha oficina para Secretaría na ala norte do edificio, o tabicado do pequeno espazo de almacenaxe que rodea os aseos e, por último, o amarre das contraventás exteriores para que queden abertas permanentemente.